Proxecto: Gundiás rexorde

 A memoria dos devanceiros: Recuperación, conservación e divulgación 

É importantísimo recuperar os usos, costumes, microtoponimia, etc. que conforman a idiosincrasia de cada lugar. 

Con moita ilusión queremos asumir o compromiso de colaborar na súa recuperación e posta en valor, grazas á inestimable axuda dos verdadeiros protagonistas: os veciños e veciñas de Gundiás, sobre todo, dos maiores que sempre viviron aqui . Ninguén como eles para deixar constancia dos saberes, lendas e costumes tradicionais.

Como primeiro paso, procederase ao acondicionamento do espazo veciñal para fomentar a interacción da veciñanza, proxecto que foi presentado polo miúdo, na reunión cos socios o domingo, 29 de agosto de 2021.

OBXECTIVOS

  • Potenciar a participación, cohesión e autorrealización das persoas, especialmente as maiores, que constitúen o grupo máis numeroso.
  • Fomentar a relación social e o voluntariado en prol da comunidade.
  • Reforzar e optimizar habilidades e facultades persoais e sociais coa finalidade de incrementar a autonomía persoal, evitando a dependencia.
  • Dar pulo ás relacións interxeracionais como factor de cohesión social e como factor preventivo de determinadas problemáticas.
  • Ofrecer un amplo abano de posibilidades na utilización do ocio, proporcionando medios de pasatempo adecuados. Por exemplo, e xa en marcha por esta AA VV
    • Recuperar e sinalizar os nosos camiños tradidionais como opción saudable, fuxindo das estradas e dar a coñecer a microtoponimia no seu contexto.
    • Proxección para os veciños de reportaxes de edición propia, así como documentais e películas tanto no interior coma no exterior do local, gardando todos os protocolos anticovid. 
    • Recoller os saberes tradicionais dos nosos maiores e dalos a coñecer con medios audiovisuais e en soporte web.
En definitiva, conservar e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial de Gundiás e tentar fixar poboación xa que, sen ela, o pobo esmorece e morre. Sen xente, non hai pobos.


COMPROMISO VECIÑAL

Os camiños, os espazos públicos e o patrimonio etnográfico pertencen a cada un de nós e como tal debe ser tratado porque ao igual que o interior das nosas casas, queremos que Gundiás esté limpo, ordenado e coidado. Para os habitantes é moito máis agradable e, para captar novos veciños, sempre resultará máis atractivo ante unha posible compra ou aluguer.

 

REDE DE CAMIÑOS SAUDABLES
 
 Coa recuperación dos vellos camiños, proxecto en fase de estudo, conseguiríase: 
  1. Unha opción saudable e menos perigosa que camiñar polas estradas para a veciñanza de todas as idades.
  2. Captar sendeiristas interesados en recorrelos partindo de Gundiás, que disfrutarían dunha ancestral rede de comunicación hoxendía inscrita na Reserva da Biosfera - Área de Allariz e en coñecer o noso patrimonio natural e etnográfico, que será puntualmente sinalizado con someras explicacións e códigos QR. 
  3. Reactivar o seu uso e disfrute axudando, de paso, a mantelos limpos e practicables.