Gundiás
- Concello: Allariz
- Parroquia: San Breixo de Queiroás
- Altura sobre o nivel do mar: 553 m.
- Habitantes: 95 (segundo os datos publicados polo INE a 1 de xaneiro de 2020).
- Límites: concello de Taboadela, e as parroquias alaricanas de Folgoso e Santiago de Allariz.
Convidámoste a un paseo pola arquitectura tradicional, a etnografía ancestral e unha fermosa paisaxe inzada de vexetación autóctona situada na Reserva da Biosfera - Área de Allariz.
Se decimos Gundiás, a retina saborea a sensualidade da pedra espida e das rehabilitacións que respectan aquela arquitectura coa que os nosos sabios e inxeniosos antergos souberon dar solución espacial ás necesidades cotiás, botando man dos materiais de que dispuñan no entorno máis inmediato, baixo a plácida cadencia de dous reloxos solares xemelgos acariñados polo Sol.
Airas de terra e airas laxadas, canastros, fontes, pilos, lavadoiros, palleiras e alpendres, enmarcados por centenarias tanxentes de muros, sebes e valados que serven de abeiro a fértiles froiteiras, bacelos e cabazais.
Abondosas e variadas cores de roseiras, lavandas, romeus e carpazas que coas máis delicadas notas aromáticas son quen de atrapar a elegancia das bolboretas e de provocaren unha explosión de vida nas estancias poligonais das abellarizas.
Aquí aínda se pode disfrutar o arrecendo da leña quentando os fogares no inverno e tamén albiscar o do pan cocido nalgún fogar, con puntualidade semanal.
Se baixas as pálpebras, poderás gozar do virtuosismo de milleiros de aves. E xa no solpór, contemplar o maxesto so vó dunha familia de curuxas brancas coas que compartimos veciñanza dende hai varios anos.
Se decimos Gundiás, decimos querenza pola calidade de vida e un calado respecto pola tradición.
O Outeiro de Boa Madre en relación con Gundiás.
"Casou un mouro cunha muller do país e tiveron un fillo negro. A nai quixo bautizalo, pero os mouros condenárona á forca, mais ela conseguiu cristianizar ao fillo quen no intre de lle botar a auga volveuse branco. Os mouros, acontecidos do miragre, perdoaron á nai e déronlle ao lugar tal nome (Boa Madre)". Lenda recollida por Xesús Taboada Chivite no libro "Etnografía Galega" sobre o topónimo Outeiro de Boa Madre.
"Los ojos hace tiempo saludan la fina silueta del Outeiro de Boa Madre, el hito que señala la inmediación de Allariz. En los horizontes van surgiendo y ordenándose desde la cuesta del Cumial las lejanas sierras. Con la subida a Taboadela -el padre no dejará de contar a su hijo historias de Santan Mariña de Augas Santas, la tierra vistosa de su esposa y del devoto santuario- se alza lentamente el labio izquierdo del valle del Arnoya. Miran abajo, ya ocultándose en los repliegues, el castillo de Torén. Quizá la noche se cierre en Folgoso. Queda a la derecha de los viajeros del Outeiro de Boa Madre". Ramón Otero Pedrayo, El Padre Feijóo: Su vida, doctrina e influencias, Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijóo, Ourense, 1972, páx. 48 - 49.
"[...] o topónimo "Boa Nai" non é o axeitado, polo que se debe manter "Madre", latín "mater", e que debemos relacionar coas tres Matres Galliciae célticas, xa que, no presente caso, pouco ten que ver do que unha trinitaria, baixo unha proteción se colocaban os nosos antepasados, designándoas co nome do terreo que ocupaba cada tribo, trinidade divinal que dende a antigüidade está presente no panteón galego. En Coruña del Conde, provincia de Burgos, territorio da antiga Gallaecia, atopouse un epígrafe de hai dous mil anos que Murguía leu do seguinte xeito: "T. Fraternus - Matribus - Callaicis - v. s. l. m.", cuxa tradución pode ser: "Tito Fraterno pagou de boa vontade o seu voto ás Madres Galegas". Deidades que eran avogosas da fertilidade e da prosperidade, atinxindo as virtudes sandadoras doutras divindades acuáticas [...]. Xabier Moure, patrimoniogalego.net.
Chamativa é tamén a etimoloxía de madre no Norte da Península, referida normalmente a un hidrónimo como fonte, nacemento de auga, cauce de auga. (Ver Referencia)
"Matres y divinidades afines de carácter plural en la Hispania Antigua". Tese de doutoramento de Ángel Aleixandre Blasco, Valencia, setembro de 2015.
O topónimo Boa Madre podería ter relación co culto á Magna Mater ou Cibeles que Roma adoptou dos frixios dende o século III a.C.? Esta deusa asóciase coa fertilidade, colleitas e froitos. A Magna Mater tivo o seu propio templo consagrado o 9 de abril do 191 a. C. (Cicerón, De haruspicum responso XXIV; Ovidio, Fastos II. 55; Marcial VII. 73.3). A partir desa data instituíronse os Ludi Megalenses que se celebraban, e aqui vén o curioso, entre o 4 e o 10 de abril.
Dase a casualidade de que a Festa por antonomasia de Gundiás, A Pascuiña, se celebra aproximadamente entre esas datas en que se instituiran os Ludi Megalenses e tamén se da a casualidade de que na zona do Campiño (parte alta de Gundiás) aparecen indicios dalgún asentamento romano (fragmentos de tégulas), na mesma zona onde había o costume de ir rezar na Pascua e que o fervor católico alcumou como "As Tres Cruces".